Tomiño acolle o II Fórum do Río Miño Transfronteirizo

O II Fórum do  Río Miño Transfronteirizo celebrarase este xoves 29 no Auditorio Goián (Tomiño), culminando un ano de traballo no proceso de elaboración da `Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030'.

Este segundo encontro volverá a reunir, neste caso en territorio galego, aos axentes económicos, sociais e políticos do territorio para ultimar e debater o documento – guía que marcará a estratexia de cooperación nesta área xeográfica para a próxima década.

A importancia deste traballo reside tanto na súa concepción innovadora, posto que se trata por primeira vez dun estudo que abrangue ás dúas marxes do río, como por estar construída desde a base, a través de numerosos mecanismos de participación cidadá postos en marcha desde finais de 2017.

O Fórum comezará ás 10:30 h, coa recepción das e dos participantes, e incluirá dúas mesas de traballo nas que as e os asistentes poderán coñecer de primeira man as conclusións do estudo realizado ata a data, así como contribuír con novas aportacións. O Fórum rematará ás 14:30 h coa celebración dun brunch/networking con todas as e os participantes. As inscricións son de balde e tramítanse cubrindo un formulario na web www.smartminho.eu.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está co financiado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.