Te galego en Etiqueta Negra

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, volve organizar cinco sesións sobre o té galego no marco da feira gourmet 'Etiqueta Negra', que este ano se complementarán con dous produtos realizados con té procedente da EFA a cargo de dúas marcas comerciais participantes na propia Feira que se celebra en Pontevedra esta sábado, domingo e lunes.

Trátase da iniciativa ‘EN_PARELLA té. O té galego en duetos' coa que a Deputación non só quere difundir as calidades do té galego senón que tamén quere ofrecer ao público unha mostra de como o té se pode introducir en produtos gourmet e de consumo cotián. 

Ao igual que nas edicións anteriores, a Deputación instalará unha tetería na que realizará cinco sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa procedencia, propiedades e a forma correcta de preparalo. De xeito específico estas sesións terán como eixo central o té producido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, e para iso persoal da EFA explicará os procesos de cultivo, recolección e preparación, incluíndo unha ‘cerimonia do té' completa. En cada sesión degustarase, ademais do té, un dos produtos producidos con té especificamente para esta ocasión. 

Nas últimas semanas, dúas firmas comerciais que participan na edición deste ano de ‘Etiqueta Negra' estiveron probando o té producido na última colleita da EFA como materia prima dos seus produtos. Así, desde a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña, creadora da marca ‘Bico de Xeado', estiveron traballando na elaboración dun xeado de té verde, cuxo resultado final se poderá degustar en tres das sesións que terán lugar na tetería da Deputación. 

Pola súa banda a empresa ourensá Melité aproveitará a súa asistencia á feira ‘Etiqueta Negra' para lanzar ao público a súa produción de refrescos de té 100% naturais e baixos en calorías. Ademais deste lanzamento, Melité tamén aceptou a proposta da Deputación para probar o té producido na EFA e amosar os resultados en dúas das sesións da tetería.