Pontedetapas acchégase á meta

Este domingo, 18 de novembro, remata a décimo primeira edición de Pontedetapas. Un total de 55 establecementos de Pontevedra participarán neste evento referente da gastronomía local e un activo reclamo do turismo de proximidade.

Este ano compiten no certame 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles. Como en anteriores edicións, a votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. 

O gañador deste premio representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. Precisamente, a Tapa Pontevedra Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas de El Cafetín de la Alameda foi escollida como a mellor tapa de Galicia o pasado ano.


O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, promovida polo Concello de Pontevedra.

A súa vez, un xurado profesional probará de incógnito as propostas previamente seleccionadas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza e escollerá os Premios do Xurado: á Mellor tapa creativa, á Mellor tapa tradicional e ao Mellor cóctel.

Pontedetapas conta por primeira vez co patrocinio de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía, e outorgará un premio á Mellor maridaxe con Mahou. O gañador poderá realizar un showcooking no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento similar.