Os fenicios desembarcan en Pontevedra

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolle dende hoxe unha exposición divulgativa sobre a Ruta dos fenicios, formada por un total de 13 estruturas e consistente nunha mostra explicativa e introdutoria coa finalidade de achegar á poboación este itinerario cultural europeo tan complexo e con tantas potencialidades desde o punto de vista cultural e turístico. 

Nos paneis que conforman a exposición poderase observar un mapa indicativo da ruta e interesantes imaxes de puntos de interese no destino de cada socio. Na mostra están representadas, amais das Rías Baixas, Empúries, Palma, Eivissa, Castellón, Sagunto, Guardamar do Segura, Cartagena, Mazarrón, Galera, a Universidade de Xaén, Cuevas del Almanzora, Linares, Mengíbar, a Deputación de Xaén, Melilla, Baena, Chiclana e Cádiz.

Na inauguración da exposición a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que Pontevedra fose o punto de partida desta exposición que "encherá o Pazo Provincial de cultura, de patrimonio e polo tanto de sorrisos e positivismo, recordando a grandeza da historia da humanidade". Tamén subliñou que "valoramos moito acoller a mostra porque con ela aprendemos máis acerca do noso patrimonio, explicando que é fundamental que sigamos relacionándonos as diferentes culturas, pois é a pluralidade a que nos fai grandes". Silva apuntou que "durante demasiado tempo o Atlántico foi un descoñecido desde o punto de vista cultural, pois só o Mediterráneo tiña recoñecemento" e que "grazas aos traballos de arqueoloxía puidemos estudar e analizar a verdade do noso patrimonio, cunha cultura propia que relacionábase coas diferentes culturas do Mediterráneo e demostrar que os fenicios deixaron a súa pegada nas Rías Baixas, o cal queremos poñer en valor".

Arturo Ruiz, presidente da asociación española da Ruta dos Fenicios explicou que "esta exposición vai permitir que se divulgue o patrimonio común que une aos socios da Ruta dos Fenicios". Sobre Pontevedra, Arturo Ruiz recoñeceu que "cando esta provincia pediu a entrada na Ruta dos Fenicios fun rapidamente a buscar o motivo e realmente fíxome ver que a pegada dos Fenicios vai moito máis aló do Mediterráneo". Pola súa banda, Antonio Barone, director do itinerario cultural "Rotta dei Fenici", sinalou que "o turismo cultural é cada día máis importante e por iso congratúlame ver como está crecendo esta rede de la Ruta de los Fenicios e poder comprobalo aquí en Pontevedra".

A Ruta dos Fenicios é un itinerario cultural internacional, recoñecido polo Consello de Europa, que atravesa 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia, un camiño para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas (como se pensaba ata o de agora) senón nas Rías Baixas. A Deputación pertence a esta rede estatal tras ter descuberto restos fenicios e púnicos e documentalos nos xacementos de Monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Facho (Cangas) e Punta do Muíño do Vento (Vigo), sendo o territorio máis meridional da Ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterráneo.