O turismo termal ourensano busca sinerxias coa cidade de Bath

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse na cidade balnearia de Bath (Reino Unido), na súa condición de vicepresidente da Asociación de cidades e vilas termais históricas de Europa (EHTTA), co seu homólogo Tim Warren, Bath and North East Somerset Council, con que analizou iniciativas de promoción e proxectos conxuntos "para seguir impulsando un turismo singular e de calidade no ámbito termal", "que beneficie e achegue competitividade aos territorios termais que integramos a rede termal europea, un dos maiores motores que impulsan o termalismo no mundo". 

Baltar, quen na súa visita á histórica cidade balnearia de Bath tivo ocasión de coñecer os plans que desenvolve o territorio termal máis importante do Reino Unido, salientou o modelo termal competitivo de Bath, "demostrando o seu éxito e a gran capacidade de atracción da cultura termal, facendo que esta cidade triplicase en quince anos o seu número de visitantes, sendo a localidade que, neste período, máis prazas hoteleiras ten creado despois de Londres". O presidente do goberno provincial remarcou "as similitudes que este territorio ten con Ourense nos ámbitos termal, cultural, da paisaxe e do patrimonio histórico-artístico", e destacou "a capacidade de dinamización demostrada en apenas tres décadas, converténdose nun dos principais centros de dinamización turística do Reino Unido". 

Tim Warren interesouse polo desenvolvemento do plan "Ourense, a provincia termal", destacando a importancia de que exista unha folla de ruta que aborde e actualice a realidade e as necesidades termais dun territorio, pois, dixo, "o termalismo é historia pero tamén é presente, e para que siga sendo futuro temos que seguir investindo en infraestruturas, melloras dos servizos e innovar con propostas de vangarda para seguir atraendo a un turismo singular e esixente". 

Baltar e Warren concordaron en que iniciativas como a recentemente instaurada en Budapest –onde Baltar se entrevistou co comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsiscs-, de proclamar o 12 de outubro como "Día europeo do patrimonio termal" "supoñen un impulso para afianzar o termalismo europeo no ámbito internacional do turismo de natureza e saúde". 

Baltar trasladoulle ao seu homólogo de Bath-Somerset as iniciativas que está a impulsar Partenalia, a rede europea de gobernos provinciais que preside, cuxo obxectivo é incrementar o protagonismo das provincias. "Con Brexit ou sen el os territorios de Europa seguiremos tendo intereses comúns e a necesidade de entendernos, de tender pontes e de actuar conxuntamente en determinados ámbitos, como por exemplo o termalismo. De aí -destaca Baltar- que a cooperación entre administracións públicas sexa fundamental para incrementar a competitividade económica e social dos territorios provinciais, que teñen nas políticas contra o despoboamento e a creación de emprego os seus principais retos na actualidade".