O Ribeiro reivindícase como destino turístico

A única parte mala de que a Galicia lle sobren destinos de gran calidade e interese é que corremos o risco de non valorizalos como corresponde. A pasada fin de semana a Ruta do Viño do Ribeiro organizou unha viaxe para xornalistas especializados na que estivo presente HGg&T, redescubrindo unha zona que merece que os galegos lle prestemos máis atención. 

Decir que un destino reúne potencialidades turísticas diversas é unha expresión común, pero neste caso sen dúbida acertada. O Ribeiro reúne un nutrido grupo de cualidades para satisfacer a viaxeiros de diverso tipo, non decepcionará a aqueles que buscan maravillarse co entorno, tampouco os afecionados á historia nin aos que tan só busquen relaxarse con boa gastronomía e mellores viños. 

A beleza da natureza da zona é o primeiro que sorprende ao que chega por vez primeira as concas do Miño ao seu paso polo Ribeiro. As rutas de sendeirismo esténdense pola zona, vehículo perfecto para descubrir un entorno privilexiado, potenciado en outono pola gran diversidade de cores que xeneran as vides de diversos tipos de uvas que se cultivan na zona do Ribeiro. 

Un entorno natural salpicado aquí e alá por vestixios históricos de diversias épocas. O patrimonio da zona dá para moito, como puidemos descubrir os xornalistas esta fin de semana, dende a cultura castrexa reunida e interpretada no Centro de Interpretación Lansbrica xunto ao gran Castro de San Cibrao a edificacións medievais como o Mosteiro de San Clodio, xérmolo do cultivodo viño do Ribeiro na zona ou a Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño, que esconde fermosos exemplos do románico galego e unhas inusuais pinturas murais dun xuízo final que sorprende pola simplicidade dos seus trazos. 

Pero se algo marcou a historia da rexión foi sen dúbida o viño. Os viños do Ribeiro xa fixeron próspera a comarca na idade media, nobres e relixiosos enriquecéronse grazas a un cultivo que no século XX sería recoñecido cunha das primeiras denominacións de orixe de España. 

Dende logo, visitar o Ribeiro e non achegarse á cultura do viño sería unha viaxe incompleta. Algo do que non pecamos nesta fin de semana, visitando dende o moderno proxecto de Ramón do Casar ata bodegas de gran tradición como Valdavia, pasando por Pousadoiro e Terra de Castelo. En todas elas puidemos probar viños moi diversos, un verdadeiro recorrido pola gran diversidade que ofrecen as castes autóctonas dunha denominación con moitas posibilidades. Dende os monovarietais de Treixadura ata os plurievarietais de ata cinco uvas diferentes, pasando por experiencias inusuales como Ribeiro Tostado que Terra do Castelo está a piques de sacar ao mercado ou o Xiada que Valdavia sacou coa escasa produción que deu o val de Cuñas en segunda brotación tralas fatales xeadas de 2017. 

O Ribeiro é un definitiva un destino que segundo todos os presentes na viaxe ten ingredientes de sobra para converterse nun produto completo para calquera tipo de viaxeiro, só é preciso seguir traballando na promoción para darse a coñecer dentro e fóra das nosas fronteiras como destino completo e diferenciado.