O III Congreso Ibernáutica tratará a recuperación das augas do interior

Este luns foi presentado na sede da Deputación da Coruña o III Congreso Ibernáutica, un encontro organizado por Fransico José Bobadilla , que se celebrará entre o xoves e o venres desta semana e que contempla un temario tan novo como suxestivo: "Augas interiores. A recuperación de espazos naturais, mineiro-industriais e os seus usos sustentables". 

“Galicia conta cunha gran riqueza coas augas do interior. O encoro das Encrobas é un claro exemplo agora da modernización sustentable". Esas foron a palabras de José García Liñares, alcalde de Cerceda, que estivo na presentación acompañado polo presidente do evento, por representantes dos clubs náuticos Carrumeiro, Náutico de Sada , Náutico da Coruña e Club Marítimo de Vigo, así como unha alta representación de Abanca e o secretario xeral de Ibernáutica, Manuel Seoane. 

José García Liñares fixo un repaso ao que supuxo de riqueza no seu momento a mina de lignitos de Meirama, "pero agora son outros tempos e a reconversión deste espazo natural ten que ofrecer outra riqueza económica, deportiva e de lecer pero cun desenvolvemento absolutamente sustentable para o medio ambiente". Neste sentido, sostivo que "durante dous días expertos en diversas áreas iluminarannos agora que o lago está a pleno rendemento e que pasará nun ano a dominio público. Sen dúbida será un recurso de futuro". 

Está previsto que en Ibernáutica participen preto de dous centenares de congresistas do sector náutico ligados á súa vertente empresarial, profesional ou deportiva. O tres deportes náuticos por excelencia: vela, remo e piragüismo, estarán representados ao máis alto nivel. 

Abrirá esta terceira edición o alcalde de Cerceda, quen inaugurará Ibernáutica e dará a palabra a José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil como representante do Ministerio de Transición Ecolóxica e a Robero Arias, subdirector xeral de Augas de Galicia, quen falará sobre o "Proxecto Meirama", que logrou recuperar un espazo dun modo brillante, coa construción dun lago artificial, que é un modelo de sustentabilidade e desenvolvemento, dentro da recuperación de espazos naturais. 

Tras eles terá lugar unha mesa redonda con relatores como Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Teresa Gutiérrez, directora xeral de Augas de Galicia ou Alberto de Anta Montero. 

Pola tarde do xoves terá o seu oco a gastronomía, da man do presidente de Ibernáutica Francisco García de Bobadilla, que é secretario xeral da Federación de Academias de Gastronomía dos Camiños de Santiago. Na mesa que moderará, estarán os máximos responsables gastronómicos de Euskadi ou Portugal, entre outros. 

O venres, 16 de novembro, iniciará a xornada o decano da Facultade de Xeografía, Historia, Francisco Ramón Durán, que presidirá unha mesa sobre o punto turístico da ordenación de augas interiores, con tres especialistas do máximo nivel da propia Universidade de Santiago de Compostela. A continuación é a Escola Universitaria de Turismo da Coruña quen ten a palabra con outros relatorios moi relevantes. 

Na última parte, unha mesa na que estarán representantes do remo, vela e piragüismo, caso de Asunción Loriente, presidenta do remo español; Guillermo Poyán, presidente da vela madrileña, ou Alfredo Bea como máximo representante do piragüismo galego, que dará a palabra á Secretaria de Turismo de Galicia, Nava Castro, a última relatora de Ibernáutica na súa terceira edición.