O ciclo Cata a Arte comezou cos viños de Loeda e maxia

Bodegas Loeda o pistoletazo de saída á quinta edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación dos seus viños brancos Catro Parroquias, un monovarietal de Treixadura, e Viña Leda, elaborado con Treixadura e Torrontés, acompañada da maxia, ilusionismo e o bo humor do Mago Deimi así como de bocados gastronómicos preparados para a ocasión. O evento tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense nunha sesión moi divertida onde a maxia fluiu entre os máis de 100 participantes e os seus sorrisos. 
Nesta quinta edición continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense.

O ciclo celebrarase durante os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 8 ata o 29 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. 

O vindeiro 15 de novembro será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará os seus viños Alberte Doble Lías e Alberte ao son da música do ourensán Diego Nóvoa. O 22 de novembro continuaremos coa cata de Adegas Celme que presentarán os viños Celme de Pena Bicada (branco) e Celme do Souto (tinto), arroupados polo relato teatral de Viño [e familia] da man da Compañía #2 do Teatro Permanente. E para rematar esta quinta edición, o broche final poñerao o 29 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa pura esencia do rock espontáneo, en versión ligth, de L’Appetite Mort.