O Café da Memoria dedica a súa nova edición ás traballadoras da conserva

A nova sesión do Café da Memoria que organiza Museo do Pobo Galego estará dedicada nesta edición ás traballadoras das fábricas de conserva. Nesta primeira parte da actividade o músico e investigador Xurxo Souto presentará por primeira vez o proxecto de recuperación de cantigas de traballo das mulleres do mar. 

Será o día 22 de novembro ás 20.00h no Auditorio do Museo. A asistencia é libre e gratuíta. O 29 de novembro, o Café da Memoria continuará co encontro con traballadoras da conserva de Camariñas e Cangas que protagonizan a actividade este ano. 

O traballo de investigación de Xurxo Souto, que realizou nas zonas do Grove, Bueu, Arousa ou Cangas (entre outras), recolle cantos que se empregaban como ferramenta colectiva de distracción pero tamén como reflexo e crítica das condicións sociais e laborais do traballo das operarias das conserveiras. No acto participará a Cooperativa CantarElas, que poñerá voz a algunha destas pezas recuperadas por Souto. 

O Café da Memoria é unha actividade promovida polo Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego. A fin destes encontros, que se levan organizando dende o ano 2008, é coñecer e rexistrar a memoria da sociedade galega a través das historias persoais e rexistrar a riqueza e variedade da nosa expresión oral (a propia lingua, as coplas, a música e, por suposto, a xestualidade). 

Esta actividade procura achegar coñecemento e difundir os procesos sociohistóricos recentes que afectaron á sociedade galega, nomeadamente ás mulleres. Deste xeito, o Café da Memoria deu a palabra a diferentes colectivos e situou o foco de atención no papel da muller como portadora de coñecemento. 

Os primeiros cafés que inauguraron o proxecto centráronse no lecer feminino durante a posguerra no ámbito urbano e no rural. Máis tarde viñeron conversas centradas na maternidade, nas festas, nas mestras, nas costureiras, nas gandeiras, nas mulleres que fixeron parte de formacións musicais, as que retornaran da emigración ou sobre aquelas que traballaron no servizo doméstico.