Novembro chega cargado de tapas


Están de sorte os residentes e visitantes da provincia de Pontevedra porque neste mes de Novembro o frío chega acompañado de varias concursos de tapas. Se a semana pasada comezaba o Petisquiño de Vigo hoxe fai o propio o Pontedetapas de Pontevedra, que inaugura a súa undécima edición. 

O Pontedetapas durará ata o vindeiro 18 de novembro e participarán un total de 55 establecementos con 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles. Serán en total dezasete días (con tres fins de semana completas) para degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados e a pequenos prezos: dous euros por tapa e tres euros por cóctel.

Unha selección na que de seguro se poden atopar propostas de gran calidade. Non debemos esquecer que o ano pasado a tapa gañadora deste concurso local, a Vieria afumada carballoe laurel sobre arroz de algas de El Cafetín de la Alameda foi escollida como a mellor tapa de Galicia o pasado ano. 

Paralelamente, hoxe tamén da comezo o Pinchorriño de Porriño, unha ruta de tapas aínda máis veterana que a de Pontevedra, que alcanza a súa décimo terceira edición con 37 locales participantes. 

Como tódolos anos, os pinchos seguen sendo gratuitos, aínda que este ano establécese por primeira vez unha consumición mínima para conseguilos. 




Pero que ninguén se asuste, este mínimo fíxase en 1,5€ euros, se por exemplo pedimos un auga e ten un prezo menor deberemos abonar iguamente euro e medio. Unha medida implantada para tratar de mellorar a calidade dos pinchos, xa que outros anos “había moita xente que consumía o mínimo e non permitía ofrecer pinchos gratis de calidade”, segundo indicou a presidenta de comerciantes Juana Pérez.