Monterrei revaloriza a primeira imprenta galega


O 3 de febreiro 1494, menos de medio século despois de que Gutenberg inventase a imprenta de tipos móviles, na vila de Monterrei xa aparecía o primeiro libro impreso en Galicia: o Missale Auriense por Gonzalo Rodrigo de la Passera e Xohán de Porres. 

E para poñer en valor este feito histórico o municipio de Monterrei porá en marcha un Centro de Interpretación da imprenta que reivindique a importancia desta imprenta histórica.

Un proxecto presentado esta semana no antigo hospital da Trindade, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, do alcalde da vila, José Luís Suárez, e da historiadora Mónica Rocha.

Baltar destacou o apoio do organiso provincial cara "cuestións que nos son propias e, sobre todo, vencelladas ao mundo da cultura. Por elo poñeremos en marcha un Centro de Interpretación, unha exposición, onde todos aqueles visitantes que se acheguen a Monterrei teñan a posibilidade de ver en paneis explicativos a historia da imprenta en Monterrei e do Missale Auriense, un espazo onde poderán contemplar tamén a reprodución dunha imprenta Gutenberg, xunto cunha réplica do libro e con música das partituras deste libro", explicou Manuel Baltar.

O Centro de interpretación da imprenta incunable de Galicia dará a coñecer "a importancia cultural que no seu tempo tivo a vila de Monterrei e, en particular, a súa condición de sede da primeira imprenta de Galicia", salientou pola súa banda José Luís Suárez.