Máis de 50 tapas compiten por coronarse como sabor do outono en Ourense

Novembro chega cargado de rutas de pinchos nas ciudades galegas. Xa falamos de Vigo, Pontevedra, Porriño… E agora chega o turno de Ourense, que este luns deu comezo á undécima edición do seu concurso de pinchos de outono. 

Un total de 51 establecementos competirán con pinchos a base de cogomelos ou castañas no concurso “Sabores de Ourense”, ofrecendo propostas tan apetecibles como o “Canelón de porco celta con crema de cogomelos e castañas” que propón A Burguesiña de San Miguel ou o “Coulant de de boletos e mole de castaña” da adega das Caldas. 

Os pinchos poderán probarse a un prezo de 2’5 euros ata o vindeiro 18 de novembro. Ademais, está previsto un programa de actividades paralelas para complementar a degustación. 

Por exemplo, o vindeiro martes 13 está prevista unha cata impartida polo catador do C.R.D.O. Ribeiro, acompañada cunha maridaxe con productos de Queixerías Lomba. Para o día seguinte, mércores 14, outra actividade destacada, un showcooking con degustación a cargo do chef Luis Veiga, do restaurante Árbore da Veira da Coruña. 

Unha proposta sen dúbida completa para achegarse aos sabores do outono, descubrindo as mil e unha posibilidades que ofrecen dous productos tan nosos como poden ser as castañas e os cogomelos.