Lugo recibe a obra do escultor Juan Puchades

A exposición “Modelando vidas”, do escultor valenciano Juan Puchades, acaba de ser inaugurada no Museo Provincial de Lugo, onde permanecerá ata o vindeiro 27 de xaneiro. 

Unha colección que segundo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos "culmina a obra deste artista nato, fillo Adoptivo de Mondoñedo, un home que soubo traballar como ninguén a madeira, o bronce, a pedra e o ferro, polo que recibiu numerosos premios”.

O Presidente avanzou que “esta colección está composta por 47 obras, 4 maquetas, ademais de 14 debuxos e bosquexos, que amosan un percorrido antolóxico pola obra deste singular autor valenciano. Esta iniciativa forma parte do colectivo Tá en Artes, que reivindicou ao longo deste ano con diversos actos, a figura deste mestre de artistas”.

Campos Conde sinalou que “a través desta exposición damos a coñecer a obra de Puchades, tras un ano intenso de celebracións, e podemos desfrutar da colección dun dos creadores vivos máis relevantes do panorama actual, dentro da nosa aposta por amosar a escultura que se realiza na nosa provincia”.