Intercambio de experencias co sector pesqueiro artesanal de El Salvador

Tres representantes do sector pesqueiro artesanal de El Salvador visitan Galicia esta semana para intercambiar experiencias e escoller as máis exportables ao seu contexto, dentro do proxecto de Cooperación Internacional de pesca sostible que as ONGD galegas Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) realizan no país centroamericano coa financiación da Xunta de Galicia a través das convocatorias abertas de proxectos de cooperación.

Francisco Hirezi, alcalde do municipio salvadoreño de Zacatecoluca, Merlyn Urquilla, alumna dunha escola taller de fabricación de embarcacións e Manuel Antonio Martínez, presidente da cooperativa pesqueira Fecoopaz visitan -dende hoxe mesmo e ata o vindeiro luns- o Porto de Marín, a Illa de Arousa, Vigo, Bueu, Sanxenxo, Corcubión e Compostela. A comitiva visitará desde confrarías de pescadores, centros de formación profesional, centros de investigación acuícolas, até responsables políticos de xestión pesqueira. Esta viaxe xorde ademais como continuidade a dous previos, anos 2012 e 2015, que demostraron ser moi valiosos en tanto que foron a base para iniciar o deseño dunha embarcación específica e adaptada para a pesca no Salvador, que non só é máis sustentable e permite uns mellores resultados, senón que tamén é máis segura e xera emprego xuvenil na escola taller na que se fabrica. O prototipo, financiado polo Agencia Española de Cooperación al Desarrollo (AECID) foi deseñado por CETMAR.

A visita responde as formulacións feitas polas mesmas cooperativas nas diferentes reunións e foros nos que, coñecedoras da envergadura do sector en Galicia, demandaron este intercambio que lles permita coñecer outras experiencias que poidan ser replicables no Salvador. Entre os aspectos que máis lle interesan están, por unha banda, a parte da comercialización dos produtos do mar, moi débil en El Salvador, e as estruturas políticas como sectoriais que a fan posible. Por outra, o intercambio de experiencias cos seus iguais, como son os pescadores artesanais galegos e as mariscadoras. E, por último, ampliar os seus coñecementos no funcionamento do sector acuícola e ecoturístico. 

Os tres perfís foron escollidos baixo a premisa que para que iniciativas como a da pesca sostible funcionen é imprescindible coordinación cos poderes locais, fomentar a organización dos pescadores en cooperativas e dotar ao sector da capacidade para producir o que necesitas consumir, neste caso apeiros pesqueiros adaptados ao teu contexto. A visita está organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar de Galicia (CETMAR), por ser o actor galego co máis experiencia neste tipo de intercambios, e porque participou xa nesta e noutras fases do proxecto como apoio técnico.