Hoxe o Miño desemboca en Bruselas

Unha delegación da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño está hoxe en Bruselas dando a coñecer os proxectos desta nova área de cooperación transfronteiriza ante a Comisión Europea.

Segundo avanzou o seu director e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, o obxectivo desta visita é presentar a nova AECT Río Miño ante as institucións europeas, así como os proxectos nos que a agrupación está envolta e os seus plans de futuro. Entre as actividades da entidade destacan a súa participación nos proxectos de cooperación transfronteiriza Smart Minho e Visit Rio Minho, ambos cofinanciados por fondos FEDER. 

En Bruselas está ademais a Estratexia Río Miño 2030, un documento realizado ao longo dos últimos meses, baixo a coordinación da AECT Río Miño e elaborado a través de consultas á cidadanía, organización de mesas sectoriais, a implicación das entidades públicas e o asesoramento dun comité científico. O resultado deste traballo, que se presentará no II Fórum do Río Miño Transfronteirizo, é un estudo en profundidade do territorio, o primeiro destas características que se fai nesta área xeográfica, e que será fundamental acadar novos fondos europeos de cooperación durante a próxima década. 

Tamén se presentará o proxecto de creación dun anel verde de sendeiros galego – portugueses en torno ao Río Miño Transfronteirizo. Dentro do anel verde están previstas importantes actuacións como a creación do 1º Parque transfronteirizo de ocio de Europa, situado entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, e a realización dun concurso internacional de ideas para a construción dunha ponte internacional para o tránsito de persoas e bicicletas, que comunicará as marxes galega e portuguesa do parque e dará continuidade aos sendeiros do anel verde.