Flores de honra para Allariz e Chantada


O auditorio municipal de Chantada acolleu este martes a entrega de premios do certame “Vilas en flor”, un certame que se celebrou este ano por primeira vez en Galicia e que pretende distinguir a aquelas vilas que destacan pola posta en valor da súa riqueza natural e paisaxística. 

Nesta primeira edición os grandes vencedores foron Allariz e Chantada, que rexistraron un empate na primeira posición con catro “flores de honra”. Tamén foron distinguidos os Concellos de Caldas de Reis, de Betanzos e de Ortigueira, con tres, dúas e unha “flores de honra” respectivamente. 

“Vilas en flor”, que por primeiro ano desenvólvese en Galicia, segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio das Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, a participación dos colectivos do sector Asvinor e Agaexar e o patrocinio das empresas Husqvarna e Rain Bird. 

Nesta edición, na que podían participar as vilas de menos de 50.0000 habitantes en Galicia, competían Allariz, Caldas de Rei, Betanzos, Ortigueira e Chantada. O xurado realizou visitas técnicas a cada un destes concellos, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame. 

Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.