Excelente acollida da última xornada de Craega

O interese pola produción ecolóxica de alimentos conseguiu que se achegasen ata Trasliste (Láncara-Lugo) máis persoas das inscritas: 130. Nunhas instalacións xunto ao Museo Integrado da Maquinaria Agrícola (en Casa de Vázquez) a xornada comezou ás 11:00 da mañá e rematou sobre as 17:30 da tarde de hoxe.
O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Francisco López Valladares, repasou á traxectoria dunha organización que o ano pasado cumpriu 20 anos reunindo hoxe a máis dun milleiro de produtores cunha facturación que supera os 60 millóns de euros. 

López Valladares lembrou que España é o primeiro país da UE en superficie adicada a esta produción e que Galicia ten máis de 32.000 hectáreas certificadas, e sinalou o labor de Casa de Vázquez non só por manter o museo de maquinaria, senón pola súa notable produción de carne de vacún ecolóxico, ademais de mazá. 

O produtor e dono de Casa de Vázquez, Marcos Vázquez Marey, é un firme defensor da vida en comunidade e procura o apoio de veciños e familia nos traballos convidado, por exemplo, a un xantar aos que lle axudan a apañar mazás. 

José Mouriño Cuba, Enxeñeiro Técnico Agrícola e ex-xefe de Servizo na Consellería do Medio Rural, lembrou a súa traxectoria. Concentración parcelaria e controis de calidade centraron o seu traballo ata que en 1988 deu cunha persoa que animouno a abrir as portas da Xunta á agricultura ecolóxica ata que en 1997 naceu o CRAEGA.

O presentador e director dos coñecidos programas da CRTVG “O Agro” e “Labranza”, Manuel Cruz Rodríguez, leva 25 anos traballando co que veu nacer a produción ecolóxica en Galicia. Contou aos asistentes como ao comezo semellaba que era algo foráneo e que os primeiros produtores tiñan unha imaxe “alternativa” pero que, aos poucos, mouta xente comezou a apostar por este xeito de producir.

Un dos convidados que respondeu a máis preguntas dos asistentes foi o nutricionista e adestrador persoal Santiago Carro, especializado en alimentación e saúde gastrointestinal. Deu consellos: hai que comer os alimentos o máis “puros” posibles pero sabendo que hai algúns que é mellor procesar. Por exemplo, machucar o allo para facelo máis dixerible, ou mesturar xema e clara de ovo para que tamén se dixiran mellor. Incidiu en que as industrias lácteas galegas están a aproveitar pouco as proteínas do lacteosoro, moi valoradas polos afeccionados ao culturismo e a nutrición deportiva en xeral. Páganse moito por elas pero é un subproduto do leite ao que queda sacarlle proveito comercial, como aos péptidos: antiinflamantorios, edulcorantes e saciantes.

O director de AGACAL, Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez Vázquez, que 
defendeu a vinculación entre a administración e o sector, recordando que o traballo da axencia é titorizar alimentos con calidade diferencial.

Tras o descanso do mediodía foi a quenda dun entretido percorrido polo museo de maquinaria agrícola, o peche a unha intensa xornada para todos os asistentes aos que o CRAEGA agradécelles a súa presenza e participación.