Etiqueta negra medra un 35% no número de expositores participantes

Con tan só tres anos de vida, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran cada día máis o que degustan. Este ano conta cun maior espazo feiral, en concreto, o número de expositores participantes medrou un 35% máis con respecto á pasada edición.

O Recinto Feiral de Pontevedra converterase así este sábado 10, domingo 11 e luns 12 no epicentro do gourmet galego coa celebración da terceira edición de Etiqueta Negra, na que participarán un centenar de expositores que destacan pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos.

Nos diferentes stands poderanse atopar exquisiteces tales como viños, licores, vermús, cervexas, refrescos 100% naturais, cafés, infusións, marmelada, galletas, tortas, doces, xeados, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, angulas, lamprea, congro seco, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar ao padal do público visitante.

De novo, elaborando receitas con sabor auténtico a Galicia, con produtos galegos de alta calidade, sinónimos de tradición e autenticidade, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, no Anfiteatro Mahou estarán prestixiosos chefs como o estrela Michelín Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Héctor López (Restaurante España), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 37), Diego López (La Molinera) –co patrocinio do Concello de Lalín–, Rubén González (El Cafetín de la Alameda), Ketty Fresneda, finalista de MasterChef 6, e Benigno Campos, presentador e cociñeiro do programa Larpeiros.