
En concreto, o GDR xestionou a través do programa Leader un total de 177 proxectos para dinamizar a súa contorna, o que supuxo un investimento total nos dez concellos que compoñen o seu ámbito de actuación superior aos 21 millóns de euros. Un balance máis que positivo, segundo destacou o presidente da Asocación Terras de Compostela, e alcade de Vedra, Carlos Martínez Carrillo.
Pola súa banda, o director de Agader, quen ademais aproveitou o evento para agradecer aos membros do GDR o seu labor durante este tempo. “O Leader nestes dez anos foi clave para axudar a desenvolver unha zona coma a área de Compostela, cun gran potencial e, como o resto do rural galego, cuns recursos naturais de primeiro nivel”, declarou Pérez Dubois.
Con estas actuacións e outras que desenvolven o diferentes GDR non se pretende que a xente "poida vivir no rural, senonj que queira vivir no rural e poida vivir do rural", salientou o subdiretor de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural de Agader, Javier Blanco Carballal.
Neste sentido, Miguel Pérez Dubois salientou, por exemplo, o crecemento vinícola da subzona do Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas, ademais do peso gandeiro dalgún destes concellos que compoñen o GDR, ata denominar esta comarca como “referente” na produción de leite en Galicia. Tampouco se esqueceu do Camiño de Santiago, que axudou a “vertebrar e potenciar” parte do territorio.
A Asociación Terras de Compostela nace no ano 2008, como asociación sen ánimo de lucro e constitúese coa finalidade de ser o núcleo de integración e de representación dos diferentes axentes territoriais, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento do seu territorio.
O seu ámbito de actuación abrangue os concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra. Falamos dunha superficie de máis de 1.100 quilómetros cadrados, aproximadamente o 15% da provincia da Coruña.