Desbórdase a demanda nas visitas teatralizadas a Soutomaior

Este domingo celebrouse a última das dez visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior organizadas esta tempada pola Deputación de Pontevedra e levadas a cabo pola compañía Troula Animación. 

Unha iniciativa que se pecha cun cheo absoluto. As 300 prazas das funcións foron cubertas en menos de 24 horas e 5.000 persoas quedaron en lista de espera, un feito que confirma a popularidade destas visitas. 

Trátase de experiencias duns 45 minuto que achegaron ás familias da provincia as historias do castelo desde un punto de vista próximo, divertido e participativo. Ademais, para levar a cabo a actividade aproveitáronse as salas interactivas do castelo e, así, os participantes puideron facer percorridos polo edificio acompañados dos antigos habitantes do castelo, bufóns, cabaleiros, cociñeiros e cociñeiras, trobadores e trobadoras, e a gran novidade deste ano, a pantasma do castelo, "O Alemanote".

Con estas visitas, que este ano celebran a súa terceira edición, o goberno de Carmela Silva quixo ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o Castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, dende as máis pequenas ás maiores, dun xeito divertido e interactivo no que as nenas e nenos puideron coñecer a súa historia dende un punto de vista máis próximo, converténdose cada visita nunha verdadeira aventura. Dende a reapertura do Castelo o pasado mes de maio, xa pasaron por Soutomaior 23.000 persoas, un 110% máis que no mesmo período maio-setembro de 2017.