Décimo aniversario da Asociación Terras de Compostela

A Asociación Terras de Compostela celebra o 23 de novembro o seu décimo aniversario cun acto no que resaltará a súa aposta polo rural, despois de incidir na creación de 300 postos de traballo dende a súa fundación. Unha conferencia sobre desenvolvemento rural, a homenaxe ao seu primeiro presidente e unha degustación de dez produtos de dez concellos que forman parte desta agrupación son os puntos fortes da xornada, que se desenvolverá a partir das 18:00 horas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, 

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela é unha asociación sen ánimo de lucro que promove accións para dinamizar o medio rural, apostando pola innovación como medida para fomentar a calidade de vida e, en consecuencia, fixar poboación no rural galego. Sobre este tema xira a parte principal do acto do venres, un relatorio a cargo do xeógrafo Juan Ignacio Plaza Guitérrez sobre o 'Desenvolvemento dos espazos rurais: reflexións e algunhas orientacións'. Plaza Gutiérrez é catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Salamanca. 

O acto abrirase coas intervencións do actual presidente da Asociación Terras de Compostela, Carlos Martínez Carrillo; do subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Xunta, Javier Blanco Carballal; e tamén do primeiro presidente da Asociación, José Severino Montes. O momento emotivo da cita coincidirá coa entrega a Montes dunha placa en recoñecemento ao seu labor como un dos socios fundadores do GDR. 

Desde a súa fundación, este GDR tramitou axudas para o rural por valor de máis de 5,6 millóns de euros de fondos públicos e de 16,6 millóns de iniciativa privada, incidindo directamente na creación de case 300 postos de traballo e xerando centos de horas de formación en cursos de cualificación para a poboación do rural. Ademais, desde 2015 traballa para facilitar o acceso da mocidade deste ámbito aos programas europeos Erasmus+ e Galeuropa, unha iniciativa da que xa se beneficiaron 70 mozos no territorio de implantación do GDR. 

Ao remate do acto, poderanse degustar produtos locais dos dez concellos representados na Asociación: A Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.