Curso do fomento da produción de castaña en As Neves

Este luns 19 de novembro comeza nas Neves o curso formativo de fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra como alternativa de aproveitamento agroforestal que organiza a Deputación de Pontevedra ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Desenvolvemento Rural ÓDEGA. Este curso finalizará o próximo 30 de novembro e impartirase no Local Social, Gabino Bugallal, 22, en horario de 09.00h a 14.00h.

Accións formativas coma esta que acolle As Neves incluirán aspectos como o uso de planta resistente á enfermidade da tinta do castiñeiro, poda e manexo das plantacións de castiñeiro, produción ecolóxica e aspectos legais das plantacións; nocións sobre plantacións de castiñeiro orientadas a froito, a madeira e mixtas, así como nocións sobre enxertos, portaenxertos, variedades autóctonas de castaña e produtores híbridos; manexo fitosanitario das plantacións de castiñeiro de froito: identificación de patoloxías, medidas culturais e preventivas e de loita química e biolóxica e comercialización e modelos cooperativos e de agrupación de propietarios para a produción e venda agrupada de castaña de calidade.

Este curso, que xa impartiuse en Caldas de Reis e Lalín, forma parte do convenio asinado o pasado mes de xullo entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Desenvolvemento Rural ÓDEGA. Dito convenio ten un importe de 35.000 euros e ten como finalidade o fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra. Ademais destes cursos púxose en marcha nas Neves unha experiencia piloto que consiste no establecemento dunha parcela demostrativa para o cultivo da castaña e unhas xornadas divulgativas e mesas redondas no concello de Silleda sobre o cultivo do castiñeiro e a produción de castaña.