Bodega Alanís pon broche ao ciclo Cata a Arte

Bodega Alanís presentou o seu viño branco Gran Alanís 2017 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha abarrotada sala na última sesión da quinta edición do ciclo “Cata a Arte”, promovido polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro. Nesta ocasión, o viño estivo acompañado da pura esencia da música rock espontánea do grupo ourensán L’Appetite Mort, en versión ligth así como de bocados gastronómicos que harmonizaron á perfección. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “Hinterland”, unha exposición grandiosa sobre papel bullkraft de Xesús Vázquez. 

Nesta quinta edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro. 

O vindeiro mes de decembro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as catro xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.