
Durante a acción cultural, Alberte Alonso e Lisa Vitorino a partires da obra de Alfonso de Olivares y Bruguera, relataron unha historia de coincidencias, graos de separación, de ida e volta; unha historia a partir da vida de Alfonso de Olivares y Bruguera, pintor da primeira escola de París e herdeiro das Adegas Murrieta. Un home que abandona a viña para dedicarse á arte en contra dos desexos da súa familia. Un home lúcido, morto prematuramente nun accidente de caza poucos meses antes do inicio da guerra civil. Descubrindo a vida dunha das súas fillas, nunca recoñecida por el, nos trae de volta ata Galicia e a unha tarde de viños e arte.
Nesta quinta edición continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.