A Senda dos Faros conectará 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte

Cun importe de 24.200 € a redacción do proxecto técnico para a ampliación en 29,8 quilómetros da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña a Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral, e 60.500 € para a elaboración do proxecto da Senda dos Faros, que conectará con sendas ciclistas 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte, a Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación destes dous ambiciosos proxectos para fomentar a mobilidade sustentable na provincia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que se trata de dous proxectos estratéxicos incluídos no Plan Director de Mobilidade Ciclista elaborado polo goberno provincial co obxectivo de "fomentar unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio natural".

"Un modelo que non queremos que quede limitado ás grandes urbes e áreas metropolitanas, senón que queremos estender tamén aos concellos máis pequenos como un elemento de vertebración do territorio, que facilite a conexión entre núcleos rurais e axude a dinamizar o turismo", indicou González Formoso, que afirmou que estes dous proxectos, xunto co da Vía Verde entre Santiago e Cerceda - xa redactado- suporán un investimento global de 11 millóns de euros para crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas na provincia.

O obxectivo do goberno provincial é que os fondos europeos financien o 80% do investimento, mentres que a Deputación asumiría o 20% restante con fondos propios.

Coa contratación deste proxecto, a Deputación pretende potenciar os faros das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e o seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico. Para iso, crearanse sendas ciclistas cun ancho aproximado de 2 metros que conecten os faros coas poboacións máis próximas, facilitando deste modo o acceso.

As sendas construiranse en 11 faros (Estaca de Bares, Cabo Ortegal, Punta Frouxeira, Punta Nariga, Cabo de Cee, Lariño, Punta Queixal, Laxe, Cabo Vilán, Fisterra e Caco Touriñán) , creando 59,6 quilómetros de novos itinerarios ciclabes. En total, o investimento previsto para executar este proxecto estímase en 5,1 millóns de euros.

A Deputación considera que este proxecto terá unha gran importancia para promover o turismo e diversificar a economía das poboacións costeiras nunha provincia que conta con 26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa.