500.000€ para a creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte

Conservar e promover o patrimonio da Costa da Morte é un dos obxectivos da creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo para o que hoxe asinaron o convenio os alcaldes dos dez concellos participantes xunto co deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira. A Deputación habilita un orzamento de 500.000 € para o desenvolvemento do proxecto.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo José Parga Veiga, o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois Garcia, o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, o primeiro tenente alcalde de Laxe, Ricardo Facal Castiñeira, primeiro tenente de alcalde do concello de Laxe e o concelleiro de Cultura e Deportes de Mazaricos, Esteban Pereiro Esperante asinaron xunto co responsábel da área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, co convenio que establece as bases de cooperación para regular o proxecto "Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte".

A iniciativa forma parte do Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña que se asenta en sete proxectos arredor do patrimonio cultural e natural con fórmulas de cooperación intermunicipal dos concellos e a institución.

Nun prazo de quince días constituirase o comité de dirección que decidirá os investimentos a facer nos vindeiros meses que poden ser compra de patrimonio, sinalización de recursos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal. Con este obxectivo, a Deputación da Coruña habilita un orzamento de 500.000 euros cun período de execución de catro anos, conta tamén nesta iniciativa coa propiedade do Dolmen de Dombate que de feito é xa o gran centro de interpretación do Megalitismo da Costa da Morte.

"Agardamos que este impulso ao Parque do Megalitismo sirva para que nun futuro inmediato os grandes dolmens escavados na Costa da Morte sexan visitábeis en condicións óptimas e que estean ben sinalizados e sirvan de elemento dinamizador tanto cultural como turístico no territorio e que, ademais, sirvan tamén para que a nosa sociedade teña maior coñecemento e información sobre o que é a nosa propia historia", sinalou o deputado Xosé Regueira.

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto nos dez concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado hoxe na Deputación da Coruña. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra na Galiza que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír a súa difusión.

O parque conta xa cun Plan Director de titularidade autonómica cos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas, tamén, como comunidade intermunicipal.

Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens. Neste sentido, son 14 xacementos os que integran o parque, Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. O Dolmen de Dombate ou "catedral do megalitismo", aínda que teña o seu propio plan director, será o recurso alicerce clave no proxecto. 

f_dacoruna.gal