Pulpeiras ou meigas do San Froilán ? (Comer e durmir en Lugo)

O San Froilán en Lugo ten como un dos principais protagonistas o pulpo ou o polbo se así o prefiren. Aquí, á bimilenaria e romana Lucus Augusti non se acude a pedir a mediación do santo para sanar os males, vaise para facerlle ben ao corpo coa preventiva inxesta dos suculentos raxos do cefalópodo adubiados con aceite de oliva e pimentón.

Os hoteis da cidade amurallada colgan nestas datas o cartel de “completo”, o que supón alongar a tempada alta ata mediados de outubro. Bendición para a hostalería. O reclamo do polbo ten carta de natureza en Lugo polo San Froilán. 

Non se concibe a festa –seguramente a máis tradicional entre as urbanas galegas- sen pasar polas casetas do pulpo que se instalan durante todo o mes ao fondo do parque Rosalía de Castro. Hai constancia de veciños do barrio de San Roque que no ano 1846 pediron construir casetas con teito de palla para servir pulpo, pero as casetas modernas xurdiron nos anos 60 e cobraron a dimensión actual na década dos 80. 

Hoxe as casetas son un forte reclamo, pero en tempos pretéritos xa causaban impacto aos que chegaban a cidade. En 1928, un peregrino e escritor francés ao pasar por Lugo decidiu visitar as murallas, e a súa visita coincidiu coas festas de San Froilán. Dende alí oteou ás pulpeiras e a súa primeira impresión foi que aquelas mulleres remexendo grandes potas de cobre debían ser meigas celebrando un aquelarre a plena luz do día; unha historia esta que forma parte da revista A Letra das Festas, que adicou a sua séptima edición á tradición de tomar o pulpo na cidade.

Para aqueles que prefiran degustar o cefalópodo ou outro tipo de viandas, ten moitas opcións a mesa e mantel, pois reza o lema…”E para comer Lugo”, aserto irrefutable. Dende estas páxinas suxerimos todo un clásico como é o Mesón de Alberto en pleno corazón do casco vello, dentro do recinto amurallado. Tapería na pranta baixa, comedor na primeira e dous privados. Cociña tradicional galega actualizada. Excelente produto (carnes, mariscos e pescados).

E para repoñer forzas para o día seguinte ou seguintes, o merecido descanso do guerreiro/a ten nome propio: Hotel Méndez Núñez, o máis emblemático da cidade por abolengo; un catro estrelas dentro do recinto amurallado, recentemente reformado, cómodo e funcional. Outra opción é o Hotel-Apartamentos Ciudad de Lugo.