Primeiro Foro de Consumo e Alimentación Saudable

Co obxectivo de facilitar información e ferramentas aos e as consumidoras arredor do mercado de produtos alimentarios para a defensa dos seus dereitos e "potenciar o coñecemento dun consumo alternativo que se caracteriza polos valores de responsabilidade, proximidade e de produción ecolóxica" surxe a primeira edición do Foro de Consumo e Alimentación Saudable, unha iniciativa do Concello coruñés, presentada polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, 

As xornadas celébranse os vindeiros xoves e venres, 18 e 19 de outubro, no Paraninfo da Universidade. O programa das xornadas está centrado "nos dous aspectos da cadea de consumo, por un lado, o sector produtivo e comercial e, por outro, dende o punto de vista da persoa consumidora e da súa saúde". 

O edil indicou que o foro reunirá a expertos do ámbito da agricultura ecolóxica, para o que contará co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia e coa concelleira de Medio Ambiente, María García, que explicará o traballo municipal de posta en marcha das hortas urbanas, "que forman parte da cadea de produción de alimentos dente unha perspectiva saudable e ecolóxica". Ademais, o público asistente poderá escoitar charlas sobre a cociña saudable en mercados gastronómicos e a importancia, dende a perspectiva dun consumo responsable, do comercio de proximidade, tanto do ámbito estatal como local da cidade.

O foro terá tamén unha perspectiva de defensa dos dereitos dos e das consumidoras e tamén da súa saúde, que se concretará en dous relatorios referentes aos malos hábitos alimenticios e ás prácticas publicitarias enganosas na alimentación. Neste sentido, a directora da Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC), Lidia Blanco, que tamén participou na presentación do foro, incidiu en que se rexistran moi poucas reclamacións no ámbito da alimentación, que non chegan ao 10% do total das que se realizan nun ano. "O campo da alimentación é un ámbito no que o consumidor reclama pouco porque non é consciente dos seus dereitos", indicou. Así, e como expuxo, no foro falarase tamén da "publicidade enganosa de determinados produtos estrela que non teñen tantos beneficios como nos queren facer ver, nun ámbito no que hai unha desinformación importante". 

Para participar nas xornadas, que contan coa colaboración da Asociación de amas de casa, consumidores e usuarios e son de balde, é preciso inscribirse na web www.consumoealimentacionsaudable.gal.

f_ coruna.gal