Pontevedra rexistrou ocupación hoteleira próxima ao 80 % na ponte do Pilar

A Deputación de Pontevedra, a través dos datos recollidos por Turismo Rías Baixas, confirma unha ocupación hoteleira media provincial do 77 % durante a pasada ponte do Pilar. A porcentaxe, similar á do ano pasado, manifesta a boa saúde do turismo na provincia, tanto en canto aos hoteis como ás casas de turismo rural que acadaron unha ocupación do 60 % durante a ponte.

Neste senso, os establecementos hoteleiros acadaron unha porcentaxe do 95 % na comarca de Pontevedra. No caso da comarca de Vigo a ocupación ascendeu ao 93 %. A comarca do Salnés rexistrou o 88 % de ocupación hoteleira e as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes acadaron o 84 %. No caso da comarca do Morrazo a porcentaxe de ocupación foi superior ao 74 %, na de Caldas do 72 % e no Baixo Miño do 66 %. Pola súa banda, as comarcas do Condado e da Paradanta superaron o 43 % de ocupación hoteleira.

En canto ao turismo rural, co 60 % de ocupación durante a ponte, estase a consolidar como unha das opcións preferentes en canto ás persoas que escollen a provincia de Pontevedra para as súas vacacións e tempo de ocio. Máis polo miúdo, a comarca de Pontevedra rexistrou unha ocupación do 92 % nas súas casas rurais; O Salnés do 76 %; os establecementos rurais de Caldas acadaron o 69 %; as casas rurais das comarcas do Morrazo, O Condado e A Paradanta superaron o 55 %; Vigo acadou un 54 % de ocupación nos establecementos rurais; as comarcas de Deza e Terra de Montes do 41 % e O Baixo Miño superou unha porcentaxe do 33 % nas súas casas de turismo rural.

Pola súa banda, o castelo de Soutomaior rexistrou un elevado número de visitantes durante a ponte do Pilar, con ata medio millar de persoas. A pasada fin de semana, concretamente o domingo 14 de outubro, comezaron no castelo as visitas teatralizadas que se estenderán ata o 4 de novembro e esgotaron, en 24 horas, as prazas ofertadas.