Pontevedra quere entrar no “mapa internacional” do turismo arqueolóxico

Hoxe presentouse no Museo Provincial de Pontevedra a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”, que segundo a presidenta da Deputación , Carmela Silva, situará á provincia de Pontevedra no "mapa internacional" do turismo arqueolóxico. 

"Hoxe aquí sentímonos amparadas e amparados pola historia", sinalou Silva. "Esta exposición concíbese para contarlle ao mundo que os galaicos somos moito máis que os habitantes do noroeste peninsular", explicou a presidenta, para engadir a continuación que a mostra busca tamén "rachar cos tópicos e esa idea xeneralizada de pobo pouco desenvolvido". 

Durante a exposición púxose en marcha a conta atrás ata a inauguración da mesma, que terá lugar no prestixioso Museo Arqueolóxico Nacional, situado en Madrid, o próximo 31 de outubro. De alí viaxará ata Valencia, o Mediterráneo, na primavera de 2019, para regresar novamente ao Atlántico, ao Museo Provincial de Pontevedra. 

A presidenta sinalou a proximidade dos portos galegos con destinos marítimos como os que hoxe coñecemos como Cádiz (Andalucía) e Cardiff (Reino Unido). "Fomos o centro ou fomos a periferia?", preguntou Silva, lembrando as relacións que se estableceron con fenicios e cartaxineses, entre outros. "Con esta exposición imos contarlle á sociedade como a nosa posición estratéxica de entrada e saída de mercancías, persoas, linguas e culturas configurounos nunha sociedade aberta e creativa", afirmou a presidenta.