Ourense postúlase a territorio creativo da Unesco 2019

Ven de prensentarse o o proxecto de candidatura de Ourense como territorio creativo da Unesco 2019, unha iniciativa contemplada no que será o vindeiro plan de mandato "Ourense 7273" do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que ten como obxectivo "potenciar a cultura e a creatividade da provincia como axentes de desenvolvemento, fortalecendo o papel de liderado cultural que ten caracterizado a Ourense ao longo da historia", explicou o presidente da Deputación.

Acompañado polo director do Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural da Universidade de Barcelona, Jordi Tresserras –redactor do Plan provincial de turismo cultural e creativo da provincia de Ourense-, Manuel Baltar dixo que as liñas desta candidatura, "teñen á cultura ourensá como eixe de desenvolvemento competitivo, unida ao noso termalismo; riquezas etnográficas como o entroido, e o turismo natural de enclaves como o da Ribeira Sacra".

Trátase, afirmou o presidente, de proxectar "unha visión internacional innovadora das singularidades da provincia de Ourense nos ámbitos turístico, cultural, termal, gastronómico e natural, e favorecer o desenvolvemento do noso rural", un proxecto, dixo, "que impulsará tamén o centenario da revista "Nós", marco de referencia dun dos movementos intelectuais máis importantes".

No marco deste encontro cultural, que tamén celebra o XXV Congreso da Asociación de casas-museo e fundacións de escritores (Acamfe), Baltar destacou a importancia do "Premio Ourensanía", que este ano se entrega en Bos Aires e Montevideo ao Centro do Partido do Carballiño e ao Centro Ourensano de Montevideo, un galardón que o xurado ditaminou conceder ás dúas institucións por promover a ourensanía na colectividade galega de ambos países, e agradeceu a presenza en Ourense dos delegados das diferentes casas-museo de España e Portugal, "polo gran traballo que significa manter viva a obra e a historia dos grandes personaxes da cultura".