O XII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial en España terá lugar na Coruña

O XII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial en España se celebrará entre os días 6 e 8 de novembro na Fundación Luís Seoane da Coruña. Organizado polo Ministerio de Cultura e coordinado pola Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio, abordará o tema Comunicación e patrimonio. 

Transmitir o Valor Universal Excepcional e contará coa asistencia de máis de oitenta xestores dos Sitios Patrimonio Mundial de toda España, así como de diversos expertos convidados polo Ministerio de Cultura e representantes da Unesco e Icomos. 

A directora da Torre de Hércules e coordinadora das xornadas, Ana Santorun, en colaboración coa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio, apuntou que neste encontro os distintos xestores e representantes dos Sitios Patrimonio Mundial abordarán o modo de transmisión e comunicación do seu propio Valor Universal Excepcional (VUE), que define a protección dos valores do seu Patrimonio. 

O programa comezará o martes, día 6 e destinarase ás conferencias marco para continuar durante dúas xornadas coa presentación de estudos de casos particulares e boas prácticas. Durante o xoves, día 8, os participantes no encontro visitarán os puntos máis emblemáticos da cidade, como a Cidade Vella, as murallas, o castelo de San Antón e o castro de Elviña, así como a Torre de Hércules, que se visitará o día 6 e que o próximo ano 2019 cumprirá o décimo aniversario desde a súa declaración como membro da Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

Este encontro dá seguimento aos anteriores organizados en Aranxuez, Ávila, Eivissa, Segovia, Vall de Boi, Santiago de Compostela, Úbeda e Baeza, Tarragona, Guecho, Burgos e Mallorca. Coa inclusión da cidade califal de Medina Azahara, son 47 os lugares patrimonio en España, o segundo posto en Europa, terceiro país do mundo, tras Italia e China, con maior número de bens declarados Patrimonio Mundial.