O xeoparque de Ortegal busca referencias no País Vasco

Continúan os preparativos para a posta en marcha do Xeoparque de Ortegal. O deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, vén de visitar o xeoparque Costa Vasca para coñecer de primeira man un modelo en funcionamento e achegar claves para o deseño final do Xeoparque gaego. 

Regueira e o seu equipo foron recibidos polo alcalde de Deba, Pedro Bengoetxea, e o persoal con máis responsabilidade na xestión do parque, o director Asier Hilario e a xerente Leire Barriuso. Xuntos visitaron os principais puntos de interese do parque Costa Vasca, en especial, o centro de interpretación e os diversos enclaves de información a visitantes. O deputado de Turismo trasladou o interese de todos os concellos que toman parte do proxecto de Ortegal e o traballo man a man que se está a desenvolver de cara á candidatura como xeoparque.

A visita forma parte, neste sentido, da serie de encontros que desde a Deputación da Coruña, se están a desenvolver con centros similares co fin de afianzar o proxecto de Cabo Ortegal e situalo no circuíto dos xeoparques existentes. En certa medida, o encontro no País Vasco é tamén resposta á visita que o pasado ano o director científico do xeoparque, Asier Hilario, realizou aos concellos de Ortegal en que protagonizou unha xuntanza en San Sadurniño con alcaldes e representantes dos sete municipios que integran a proposta, convocada pola Deputación da Coruña. O experto en xestión de proxectos de xeoparques trasladou como principais recomendacións a unidade institucional á hora de defender o proxecto ademais dun plan director que contemple a constitución dun ente xestor propio, á maneira do existente en Zumaia que agora é obxecto da visita institucional da Deputación da Coruña.

Na visita, o deputado Xosé Regueira defendeu "os recursos de Ortegal para que o proxecto chegue a bo fin, unha iniciativa na que se está a traballar conxuntamente cos concellos seguindo os pasos máis adecuados para presentar unha candidatura sólida de especial interese para os concellos da comarca". Neste sentido, destacou que xeoparque do País Basco xestiona unhas 20.000 visitas guiadas ao ano e 120.000 libres, o que supón, cando menos, a amortización do investimento desenvolvido nun proxecto que supuxo unha forte aposta dos tres concellos do parque, a Deputación e o gobernodo País Vasco. Na súa visita ao territorio galego que formaría parte do xeoparque, Asier Hilario recoñecera que é "xeoloxicamente perfecto" e, neste segundo encontro con quen é un dos grandes especialistas, recoñeceu o traballo desenvolvido polos concellos e a Deputación co fin de afianzar a candidatura facendo valer os seus recursos e as súas potencialidades.