O Talento Turístico da provincia de Pontevedra a concurso

Consciente da importancia do sector turístico na provincia de Pontevedra, a Deputación provincial puxo en marcha a principios do 2018 un programa de asesoramento tecnolóxico específico para as empresas turísticas, enmarcado dentro do proxecto SmartPeme: TurisTIC, 

Co obxectivo de recoñecer o labor realizado en favor do turismo, convoca agora a Primeira Edición dos Premios # PontevedraProvincia, Talento Turístico 2018 para apoiar as iniciativas turísticas promovidas na provincia de Pontevedra.

As categorías de participación son Talento Turístico Sustentable (empresas turísticas que promovan unhas políticas sustentables no desenvolvemento do seu servizo turístico), Talento Turístico Innovador (empresas turísticas que integren, dentro dos seus produtos ou servizos turísticos, ferramentas cun impacto relevante, como capital humano, procesos, industria, servizos, dixitalización, etc.), Talento Gastronómico (Talentos cociñeiros/ as que presenten un proxecto onde se poña en valor a innovación na cociña e o respecto polo produto KM 0 do territorio.), Talento Experiencial (acción de promoción turística presentada polos xornalistas, bloggers, influencers, etc., mediante canles ou ferramentas dixitais, que fose exitosa ou viral) e Talento TIC (Premio á solución máis innovadora desenvolvida por un provedor de ferramentas e servizos TIC especificamente para o sector turístico).

Para presentar unha candidatura será necesario cubrir o formulario publicado na páxina web de SmartPeme smartpeme.depo.gal. A través do formulario achegarase un resumo executivo explicando a empresa ou proxecto en formato pdf cunha extensión máxima de dez páxinas. 

No caso dos participantes da categoría de Talento Gastronómico será preciso achegar tamén a carta ou menú coas súas elaboracións e seleccionar un prato ou tapa para posible cata. Solicítase a cada participante que exprese por escrito no resumo executivo a entregar, o consentimento para a realización de dicha cata no seu establecemento antes do fallo do xurado.

O fallo dos premios realizarao un Xurado integrado por representantes da Deputación de Pontevedra, axentes do sector turístico e provedores TIC, O prazo de inscrición comezará o 21 de setembro de 2018 e finalizará o 8 de outubro de 2018. O fallo do Xurado emitirase e comunicará o 24 de outubro de 2018, no Acto de Xornadas TurisTIC no castelo de Soutomaior.