Finaliza a vendima en Valdeorras con 4,7 millóns de quilos de uva recollidos

Logo de 40 días desde o seu inicio, conclúe a vendima en Valdeorras cun total de case 4,7 millóns de quilos de uva recollidos. O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, compareceu perante os medios de comunicación para facer balance dunha campaña que se singulariza, especialmente, pola “óptima calidade da uva”, destacou. 

En relación ao ano pasado, a cifra de quilos recollidos ascende nun 15%. Por variedades, sitúase á cabeza en cantidade a uva godello (con máis de 2,6 millóns de quilos), seguida da mencía, con máis de 1,4 millóns de quilos. 

En terceiro lugar atópase a garnacha tintorera, con máis de 357.000 quilos. De palomino fino (jerez) recolléronse máis de 170.000 quilos e de sousón un total de 44.000. Tras estas variedades, aparecen a tempranillo (case 19.000 quilos), a albarello (máis de 13.000 quilos), e a merenzao (preto de 6.000 quilos). 

Nas últimas posicións temos a treixadura (máis de 2.100 quilos), a dona branca (case 1.500 quilos), a negreda ou mouratón (746 quilos), a caíño tinta (683 quilos) e o gran negro (80 quilos). 

García Pando referiuse especificamente ás variedades sousón e albarello como “dous tipos de uva que poden aumentar as posibilidades de ofrecer viños diferentes no territorio amparado”.