Bota a andar o xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Un total de 14 concellos firmaron recentemente o convenio de colaboración que porá en marcha o xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño, primeiro de Galicia en ser xestionado por un Grupo de Desenvolvemento Rural.

O obxectivo é aglutinar esforzos e xerar un maior fluxo turístico nos 14 municipios que abrangue o xeodestino e dar resposta a unha actividade económica complexa de carácter transversal cun mercado tremendamente esixente, dinámico e influenciable. 

Concretamente os concellos participantes son Soutomaior, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui, ademáis da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. 

O convenio que firmaron fixa as principais liñas de colaboración, coordinación, xestión, financiamento, organización e funcionamento deste novo xeodestino, que conlevará a realización de actuacións en todos os concellos que o integran. Esta parte complementarase co convenio de colaboración que asinarán GDR14 e Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, así como para a sensibilización tanto aos visitantes como á propia veciñanza sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura de todos estes concellos. 

Que son os xeodestinos? 

Os xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.