Axuste de carteiras, editorial do número 216 de HGgT: Ohhh Tinta Navidad

O outono trouxo unha curta e anunciada remodelación no goberno de Galicia que, no que atinxe ao noso máis concreto abano intersectorial de atención informativa, afecta fundamentalmente a tres departamentos, inda que só un dos personaxes protagonistas estree carteira no equipo de Feijóo; os outros tres intercambian cadeiras e competencias.

Os cambios chegan máis por estratexias electorais -a liberación de conselleiros que xogarán forte nas próximas municipais, concretamente na Coruña e no Ferrol- pero certo é tamén que a remoción abre novas perspectivas en cada departamento afectado. Inda que non cambien os cans, os colares sempre poden coller outro tono.

Así, deixa Medio Rural Ángeles Vázquez para pasar a Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Muller do interior galego, bregada na alcaldía de Melide, a remoción non a aparta do seu medio, nin dunha perspectiva cun común denominador en ámbalas carteiras.

O novedoso é seu sustituto, José González, flamante conselleiro de Medio Rural. É un home, xeracionalmente xoven, nacido nunha adega, por suposto antes de que seu falecido pai e seus irmáns, fundaran Casal de Armán, un dos proxectos máis brillantes da comarca do Ribeiro, expoñente dunha exemplar combinación vitivinícola e de turismo rural.

Súa visión anterior na Inspección de Hacienda, apórtalle a perspectiva “urbana” que axuda a entender o cosmos no que ha moverse -no que nos movemos- as políticas que concilien, complementen, e se transferencien ámbolos medios -un produtor, outro consumidor- en harmonía de intereses. Un home do medio vitivinícola para un sector que ten nese eido fonte económica decisiva e factor de sostibilidade preminente no medio rural, semella un acerto.

O terceiro movemento consistiu en xuntarlle a Cultura ao Turismo, mantendo na responsabilidade a Román Rodríguez, baixo quen queda subordinada a Axencia Galega de Turismo, ata agora gozante de autonomía como ente dependente da Presidencia. Aquí puido radicar un dos erros do Presidente Feijóo, certa displicencia co subsector que supera e aporta o 11 por cento do PIB galego.

Nin Feijóo é Fraga en asuntos de Turismo -o presidente extinto sempre quixo que o Turismo dependese da súa autoridade directa, que a tiña nesa materia- nin tampouco Nava Castro lle chega ao cinto ós seus predecesores no cargo homologable, foran os Ferreiro e Bobadilla (ámbolos dous primeiros secretarios xerais) foran Aurelio Miras e demais que se encargaron da disciplina nas ocasións precedentes en que Turismo conformou consellería acompañando a Cultura en
gobernos populares.

Se Román Rodríguez consegue aportar política turística onde non ten habido máis ca simple xestión dun negociado, terase prestado un grande servizo ao noso país. Política seria, xa que ten os pés na Cultura, algo máis ca ir de comparsa rutinaria ás promocións, deixar ó albur da influenza exterior a definición e praxe do recurso gastronómico propio, ou declarar Camiños de Santiago por cada carreiro utilizado para ir á feira da Ascensión.