Alta ocupación hoteleira en Pontevedra no mnes de setembro

A provincia de Pontevedra rexistrou en setembro unha ocupación do 72,61%, segundo os datos facilitados pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Así as cousas, a comarca do Salnés acadou unha ocupación nos establecementos hoteleiros do 76%, Pontevedra do 87,5%, O Morrazo superou o 58,45% , Caldas o 92%, Vigo rozou o 87%, O Baixo Miño o 66,8%, as comarcas do Condado e da Paradanta acadaron o 48% e as de Deza e Terra de Montes o 65,5%.

En canto ao turismo rural, os establecementos da provincia rexistraron unha ocupación do 50%, unha porcentaxe que supera en 10 puntos o acadado no 2017 e ata quince puntos por riba da obtida en setembro de 2016. Máis polo miúdo, a comarca do Salnés obtivo un 67% de ocupación nos establecementos rurais, Pontevedra o 45,25%, O Morrazo un 45%, Caldas o 43%, Vigo un 60%, O Baixo Miño un 59%, as comarcas do Condado e da Paradanta un 38% e as de Deza e Terra de Montes un 21%.

En canto á ocupación relativa ás vivendas turísticasascendeu, segundo facilitou a asociación AVITURGA, ao 71% chegando ao 80% durante a primeira quincena do mes. Con respecto a estes establecementos, Silva informou que a maioría das persoas que se aloxan correspóndense con familias ou grupos de amigos entre 5 e 8 días que proceden de Madrid, Castela e León, Castela a Mancha, Cataluña, Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido. Tamén explicou que en setembro, os lugares que acadaron porcentaxes máis elevadas de ocupación en vivendas turísticas foron Silleda (100%), Pontevedra (72,25%), Sanxenxo (72%), Poio (70,5%), Vigo (70%), Baiona (69%), Cangas (67%) e Cambados e Vilagarcía de Arousa (65%).

Os datos avanzados pola Deputación de Pontevedra proceden dunha "enquisa descritiva realizada a 102 establecementos hoteleiros, 91 casas de turismo rural e 42 cámpings, do mesmo xeito que fai a Xunta de Galicia segundo nos confirmou o Presidente das empresas hostaleiras da provincia", precisou Silva. 

En canto ao mes de outubro, nos primeiros días estábane a rexistrar porcentaxes de ocupación hoteleira do 100% nas comarcas do Salnés, Pontevedra e Vigo grazas a eventos como a Festa do Marisco ou Conxemar.