A Deputación da Coruña propón a coordinación institucional na xestión dos camiños de Santiago

Coordinación entre todas as institucións é unha das principais condicións para a xestión dos Camiños de Santiago, segundo se conclúe na xornada organizada pola Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán. Os deputados Xosé Regueira, Bernardo Fernández e Antonio Leira participaron no encontro.,Persoal técnico e membros dos gobernos municipais dos concellos que atravesan os Camiños de Santiago foron os principais participantes na xornada.

Os deputados de Facenda e Turismo, Antonio Leira e Xosé Regueira foron os encargados de explicar as diversas actuacións que se están a desenvolver desde a Deputación da Coruña en relación cos Camiños de Santiago nunha xornada que foi inaugurada polo tamén deputado Bernardo Fernández Piñeiro.

O deputado Antonio Leira destacou a posición incipiente do Camiño Inglés e a aposta da Deputación no proxecto de promoción e desenvolvemento turístico, unha actuación da que, segundo defendeu, os concellos teñen que ser "partícipes proactivos da súa posta en valor". Destacou o impacto de iniciativas como "Primavera no Camiño Inglés" que levou a unha maior implicación dos concellos e referiuse a oportunidade da ruta no target europeo e, concretamente, no británico.

O responsable da área de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, agradeceu o "apoio e proactividade" dos concellos do Camiño para as accións da Deputación nas distintas rutas e defendeu a necesaria coordinación intermunicipal e coas demais institucións a través da conformación de mesas de coordinación para a xestión acaída dos camiños. Destacou tamén iniciativas como a elaboración dunha auditoría sobre o estado actual do Camiño Inglés, o traballo sobre a delimitación dos distintos trazados -de maneira especial o Fisterra-Muxía- e a contratación de persoal técnico cualificado nas oficinas de información turística dos concellos co fin de profesionalizar e mellorar o sector.

A xornada continuou coa participación de tres especialistas arredor de distintos aspectos dos Camiños, de maneira especial do Camiño Inglés que foi obxecto de tres das charlas, a do investigador Manolo Rodríguez, a do xornalista e divulgador Cristóbal Ramírez que falou arredor dos monumentos da ruta e a do arquitecto e director de Crecente Asociados, Mario Crecente que achegou aos participantes ao seu estado actual.

Manuel F. Rodríguez referiuse á historia dos propios camiños, a relevancia do Francés e a singularidade do Inglés como peregrinaxe marítima e reparou en distintos aspectos patrimoniais das rutas. Pola súa parte Cristóbal Ramírez sinalou que unha das debilidades do turismo xacobeo é que a estancia media é dun día sen haber moitos programas destinados a ampliar o tempo de estadía. Lamentou tamén a falta de narrativa integradora no patrimonio do Camiño con disparidade de estados de conservación ao tempo que cualificou de "debilidade" a coincidencia con tramos de asfalto na ruta. Finalmente Cristóbal Ramírez falou dos impactos e o seu monitoreo, a accesibilidade no camiño e a instalación de códigos QR para obter información de recursos no smartphone.

No final da xornada, Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo, sinalou o constante aumento da cifra de persoas que recorren os camiños de Santiago e a a proxección exponencial do Camiño Inglés ao tempo que defendeu a necesidade de ter en conta a substentabilidade neste crecemento.