
Malia a distancia existente, o mercado xaponés é moi interesante para a cidade cando menos por tres razóns: é un mercado cun gran volume de poboación, é un mercado cun alto potencial de crecemento turístico na cidade e é un mercado cun gasto por persoa moi superior á media internacional. Segundo os datos de Turespaña, o turista xaponés ten un gasto medio de 409 euros ao día en España.
A importancia do mercado xaponés para Santiago crece ano tras ano, tal como amosa a evolución do número de peregrinos nipóns. No ano 2017 alcanzouse o máximo histórico, con 1.474, consolidando o importante crecemento que se producira no 2016.