O Festival do Leite chega a Pontevedra

Esta fin de semana A Illa das Esculturas de Pontevedra acollerá a terceira edición do Festival do Leite, un evento musical de carácter itinerante organizado pola marca Deleite Galego co obxectivo de visibilizar a importancia do sector lácteo galego na nosa comunidade. 

Unha vez máis será un festival completamente gratuito e integrará no seu cartel únicamente grupos galegos. Entre os cabezas de cartel destacan nomes como Sés, The Limboos, De Vacas ou Triángulo de Amor Bizarro. 

Pero haberá moito máis nun festival que que tampouco se esquece dos cativos. Completando o amplo cartel desta terceira edición haberá actividades para os máis pequenos, integrando concertos de María Fumaça e A Gramola Gominola. 

Prevese unha gran afluencia de público para un festival que chega a Pontevedra tras celebrar a súa  edición inaugural en 2016 en Santiago de Compostela e recalar en Lugo en 2017. Dende o concello recibiron de bo grado o festival, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores incluso asegurou na presentación que lle gustaría conservar o festival para anos posteriores.