O destino Ournse chega a 190 países con La Vuelta

Deporte e turismo de natureza desde Ourense para 190 países. Así se resume o paso, un ano máis, da Vuelta a España pola provincia de Ourense, un evento deportivo dos máis importantes do mundo que co apoio da Deputación de Ourense fixo posible nesta 73ª edición da proba ciclista que en terras ourensáns se disputasea etapa máis longa —208 quilómetros—, con saída desde mombuey (Zamora) e chegada a Luíntra-Ribeira Sacra logo de percorrer os concellos ourensás da Mezquita, A Gudiña, O Bolo, Viana do Bolo, Larouco, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil e Nogueira de Ramuín.

"Novamente, á provincia de Ourense situouse como protagonista dun dos eventos deportivos máis importantes do mundo, e como referente do ecosistema turismo-deporte de alto nivel, ofrecendo ao mundo unha postal inmellorable dunha parte importante do noso territorio, a Ribeira Sacra, e coa épica deportiva de ser unha etapa durísima e moi esixente", afirma Manuel Baltar.

O presidente da Deputación destaca que a alianza de Ourense coa Vuelta "é un éxito seguro, pola resposta do público e pola calidade deportiva dunha etapa como esta, facendo da Ribeira Sacra un escaparate mundial e ofrecendo unha promoción espectacular da nosa provincia", e aposta por "seguir unindo Ourense cun produto líder mundial no ámbito do ciclismo, como a Vuelta, un ecosistema de turismo, deporte e termalismo ao que hai que engadir o éxito do centro de adestramento de piragüismo en Laias ou a copa internacional de piragüismo que organizaremos o vindeiro ano; a Estación de esquí de Cabeza de Manzaneda e o seu proxecto e innivación; a aposta polo mundo do motor, co Rally de Ourense e patrocinio do equipo Suzuki no ámbito nacional, e tamén as rutas BTT e andainas, entre outros exemplos".

O logro conseguido nesta edición únese aos éxitos promocionais e económicos acadados nas roldas de 2016 e 2017, anos nos que a Vuelta, por primeira vez en todas as súas edicións, foi presentada, saíu e acolleu catro das 21 etapas na provincia de Ourense; e tamén en 2017, cando a caravana publicitaria da Volta incluíu un vehículo coa imaxe promocional de "Ourense, a provincia termal", material de merchandising, e presenza no "Parque Vuelta", un espazo temático de ocio, espectáculos e gastronomía que foi visitado por máis de 100.000 persoas.

Manuel Baltar agradece o compromiso de todas as persoas que fan posible "que Ourense sexa un ano máis un referente na Vuelta a España, entre as que cabe salientar especialmente a figura de Javier Guillén, director xeral de "La Vuelta", e subliña a importancia "do impacto promocional que supón un evento destas características, cunha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas".

Baltar entregou en Luíntra o premio ao gañador da etapa, o ciclista italiano Alessandro de Marchi (BMC), e recibiu de mans do exciclista Óscar Pereiro o premio Ecovidrio, patrocinador sostible de La Vuelta, un galardón que recoñece o labor que desenvolve a Deputación de Ourense no ámbito dos proxectos de protección medioambiental e de xestión de residuos.