Medio Rural amplía as axudas ao sector vitivinícola

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a ampliación orzamentaria da Consellería do Medio Rural na orde de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos vitivinícolas, pasando así dos 2,5 millóns de euros iniciais aos 3,7 millóns de euros. Esta ampliación realízase coa intención de aprobar así todas as solicitudes que cumpren cos requisitos establecidos na orde. 

A través desta liña de achegas, exclusiva para este sector produtivo, subvenciónanse a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como de maquinaria e equipamentos novos. Tamén se sufraga a adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, a compra de patentes ou licenzas, e os honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade. 

A finalidade destas subvencións, que están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) a través do Programa de apoio ao sector vitivinícola español (Pasve) 2019-2023, é favorecer o incremento da dimensión empresarial e a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor. 

Tamén se busca incentivar a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións; así como o emprego de procesos sostibles dende o punto de vista medioambiental, a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos co fin de impulsar a certificación medioambiental das instalacións das empresas vitivinícolas. 

Os beneficiarios destas axudas serán empresas vitivinícolas que no momento da solicitude (lembramos que o prazo xa rematou) produzan ou comercialicen os produtos, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores e as organizacións interprofesionais.