Luz verde para o Parque Compostela Rupestre

A Deputación da Coruña acaba de firmar cos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra un convenio de colaboración para poñer en marcha o Parque Compostela rupestre, financiado con 500.000 euros por parte do organismo provincial. 

O obxectivo é agrupar agrupar os medios materiais e recursos económicos co fin de promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre do territorio comprendido nos cinco municipios. 

Na presentación do convenio a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destacou que se trata dun "convenio histórico entre a Deputación e os cinco concellos para poñer en valor e promover o patrimonio rupestre, nun espazo de colaboración de especial interese". 


"Botamos a andar un proxecto en que temos depositadas grandes esperanzas e que responde á necesidade de que a sociedade coñeza e rescate a súa propia historia. A mancomunidade de Compostela ten un patrimonio riquísimo que vai máis alá da referencia que é a Catedral e este convenio vainos dar moitas posibilidades en todo o territorio", explicou o deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira. 


Anotou Regueira que a achega económica da Deputación é un primeiro paso mais agarda que, no futuro, "tanto concellos como Xunta e Estado se animen a colaborar co proxecto e tomen iniciativas a favor do parque Compostela Rupestre co fin de que cada vez teña máis músculo e vigor". Anunciou que no prazo de dúas semanas se constituirá o primeiro Comité de dirección do proxecto a través do que se irán asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora do entorno e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación.
A totalidade de representantes dos cinco concellos que asinaron o convenio agradeceron á Deputación da Coruña o seu compromiso á hora de promover e apoiar o Parque Compostela Rupestre e a súa función á hora de coordinar a iniciativa.