Jamones González únese a Slowfood Compostela

A empresa Jamones González acaba de converterse no novo socio da asociación Slow Food Compostela, sumándose a outras marcas certificadas polo seu bo facer en Galicia como Verín Biocoop, Granxa Campomayor, Pementos de Herbón… 

Dende a asociación danlle a benvida a unha empresa que xa demostrou a calidade das súas elaboracións na cata de chacinas organizada por HGg&T, onde conseguiu dúas medallas de ouro e unha prata. 

Dende Slow Food aproveitan a entrada do novo socio para poñer en valor a historia da marca, que se remonta a 1923. Dende entón “foron crecendo manténdose fieis á tradición transmitida de xeración en xeración, sendo así a única forma de conseguir produtos coa maior calidade e diferenciación posible, representativos dunha cultura culinaria arraigada á tradición”. 

Destacan así mesmo na web da asociación que a empresa ubicada nunha zona próxima á Serra dos Ancares conta con granxa propia, onde crían porcos da raza Duroc “cuxa xenética garante unha materia prima que reúne todas as características necesarias para obter produtos coas propiedades organolépticas desexadas, xa que o porco de raza Duroc, posúe unha carne de alta calidade, moi magra e cun alto grao de infiltración de graxa, o que confire gran sabor, sendo idónea para a elaboración de produtos curados, como xamón e lacón, do mesmo xeito que produtos embutidos, como chourizo e salchichón”.