A Deputación de Lugo promove o patrimonio natural e histórico da provincia con 5 roteiros

A Deputación de Lugo presentou un ciclo de cinco roteiros que organiza en colaboración co diario dixital Historia de Galicia, para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e histórico da provincia de Lugo. O Executivo Provincial achega 4.500 euros para poñer en marcha esta iniciativa, que pretende achegar á cidadanía o patrimonio oculto que atesoura a provincia de Lugo, promovendo ao mesmo tempo o turismo activo e dinamizando a economía do rural lugués. 

Esta colaboración permitirá desenvolver cinco rutas de sendeirismo durante os meses de setembro e outubro, que transcorreran polos concellos de Xove, Sober, Becerreá, Monforte, A Pobra do Brollón, e A Fonsagrada.

Segundo precisou o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo “a través deste ciclo de roteiros pretendemos achegar a todos os lucenses a riqueza paisaxística e patrimonial coa que contamos na provincia, incidindo na importancia de conservar o medio ambiente. Así, a costa da Mariña, a Serra dos Ancares, o Canón do Sil, o Val de Lemos, e A Fonsagrada son algúns dos lugares onde terán lugar estas andainas, que abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea”.

O Vicepresidente engadiu que “ao mesmo tempo, estas rutas de sendeirismo son un bo reclamo para atraer turistas e dinamizar a economía do rural lugués. Non en vano, na primeira edición dos roteiros que tivo lugar o ano pasado participaron preto de 500 persoas de toda Galicia, que comeron e pernoitaron nos establecementos lucenses”.

Neste senso, a organización do roteiro pacta con restaurantes locais un menú para os participantes que así o desexen, ademais de facilitar aloxamentos nas vilas e concellos onde teñen lugar os roteiros. En 2017, máis de 150 persoas obtaron polos menús pactados con restaurantes locais e case un cento de persoas pernoitou en hoteis ou casas rurais dos concellos onde comezaron os roteiros.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co patrocinio da Deputación e Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento ou o Colectivo Capitán Gosende.