… E para comer Lugo, valor seguro en La Vuelta

O stand de … E para comer, Lugo chegou a Salamanca con La Vuelta Ciclista a España e estivo como cada día instalado na zona VIP da saída da etapa para facer promoción turística e gastronómica da provincia. A novidade nesta ocasión foi que as tapas repartidas aos visitantes foron elaboradas por integrantes da Asociación de Cociñeiros da Mariña, así mesmo sucederá este vindeiro xoves desde Mondoñedo e o venres desde Candás. 

Os chefs que cociñaron foron David Rodríguez Moledo, de A Mirandilla de Rinlo (Ribadeo); Bruno Perna Arnaú, de A Horta de Paula (Mondoñedo), e Waldo José González, da panadería Rubal (Mondoñedo). A eles sumaranse nos vindeiros días Jesús Villarino Gavín, do restaurante Asador (Barreiros); Jorge López, de O Pazo de Tovar (Lourenzá); Michel Cociña, de Casa Miranda (Burela), e Alejandro Arca Uría, de Arume Gastrobar (Viveiro). 

Todos os aperitivos son elaborados con produtos da terra e ofrecéronse diferentes platos como empanada de Galo de Mós en berza da horta de Mondoñedo; pescada de Burela, mousse de Faba de Lourenzá e xel de Pementos de Mougán; Fabas de Lourenzá con Cordeiro de raza Ovella Galega; steak tartare de Rubia Galega con Arzúa Ulloa e Pemento de Mougán sobre Galletas Daveiga, e crema de queixo do Cebreiro e Mel de Galicia. 

Esta é a sétima edición de La Vuelta na que participa a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración de asociacións de produtores e varios consellos reguladores como o consello regulador da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Pataca de Galicia e Castaña de Galicia, así como Avimós, Asovega, Asoporcel, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia e Afapan. Este ano estréanse na lista de colaboradores a firma Leite 100 % Galega e a Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga).