Doce establecementos métense na final do Concurso de Tapas de Lugo

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, Apehl, acaba de recontar os votos emitidos polo público e deu a coñecer os doce establecementos finalistas da décimo cuarta edición do Concurso de Tapas de Lugo: Arrocería Os Cachivaches, El Boni Parrillada, España, Meson Colón, Mesón Pulpería O Castelo, O Castor, O Cincuenta e seis, O Figón, O Mercado Street Food, Paprica, Parrillada Fonsagrada e Porta da Estación. 

Esta próxima fin de semana, dende o venres 28 ata o domingo 30 de setembro, estes 12 establecementos volverán ofrecer as súas tapas ao público e un xurado técnico recorrerá os doce locais para avaliar e outorgar un primeiro, un segundo e un terceiro premio e as maridaxes con cervexa Estrella Galicia e con viño da Ribeira Sacra. 

O público poderá seguir depositando os cupóns de votación para entrar nos sorteos das viaxes e ceas programadas e o vindeiro 8 de outubro será cando se dea a coñecer toda a información sobre o gañador absoluto do público, os premiados do xurado e se faga o sorteo entre todos os cupóns depositados.