Culturmar celebrará o seu 25 aniversario na Praza do Obradoiro

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) nace no ano 1993, ao abeiro dunha xuntanza de embarcacións tradicionais celebrada en Ribeira co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o Patrimonio Marítimo de Galicia (mais adiante tamén Fluvial), particularmente as embarcacións tradicionais que o integran. 

A celebración do vixésimo quinto aniversario de Cultulmar terá lugar en Santiago de Compostela, do sábado 29 de setembro ao sábado 6 de outubro na Praza do Obradoiro. Na inauguración da mostra, que acolle 20 embarcacións tradicionais xunto a exposición "Fasquías de outrora, singraduras de futuro", actuará a gaiteira María Xosé López.

A mostra complétase coa edición do Caderno de embarcación tradicionais de Galicia e visitas guiadas para escolares, ambas actividades en colaboración co Concello de Santiago. Ademáis o mércores 3 de outubro ás 19:30 h na libraría Couceiro presentarase do nº 10 da revista Nova Ardentía, e o sábado 6 de outubro o Museo do Pobo Galego acollerá o debate sobre a historia e as perspectivas futuras de Cultulmar e a salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial con Lino Lema, Manuel Parada, Xabier Trepat, Rosa García, Fernando Piñeiro, Víctor Fernández, Pablo Carrera, Covadonga, Xerardo Triñanes, Daniel, Pepe Sacau.

As 13 horas terá lugar o acto conmemorativo dos 25 anos: a proxección do vídeo Culturmar: 25 anos na salvagarda, xunto a actuación musical de Lucas Suárez de Centi e Tomás Porteiro (vibráfono e guitarra) e as intervencións da deputacións de Pontevedra e A Coruña, Xunta de Galicia e Culturmar. O remate degustaránse uns petiscos achegados por Galicia Calidade.

Actualmente Culturmar está integrada por 44 colectivos, que inclúen asociacións deportivas, culturais, veciñais, etnográficas e mesmo colexiadas. Unha das principais singularidades de Culturmar radica en que as asociacións que a compoñen, conforman unha rede de voluntariado que traballa na defensa do patrimonio marítimo e fluvial galego, por esta razón a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial está inscrita no rexistro da asociacións do voluntariado galego.