A vendima 2018 en Galicia rondará os 61 millóns que quilos de uva

A vendima deste ano en Galicia destacará pola súa alta calidade, cunha previsión de recoller aproximadamente 61 millóns de quilos de uva no conxunto das cinco denominacións de orixe (DO) da nosa comunidade. Así o salientoua conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita á adega As Laxas, situada no concello pontevedrés de Arbo, dentro da DO Rías Baixas e á que se desprazou con motivo destes traballos. 

A titular de Medio Rural indicou que o volume de uva que está previsto recoller é case idéntico ao do ano pasado, cando se vendimaron 61,4 millóns de quilos. Como en anteriores colleitas, a maior parte do froito corresponde á denominación de orixe Rías Baixas, con case o 60% do total. Nesta DO a vendima iniciouse o pasado día 8 de setembro e está previsto que remate a mediados de outubro, coa recollida de aproximadamente 36 millóns de quilos. Rías Baixas é a denominación de maior dimensión das galegas, con máis de 5.000 viticultores, unha superficie de cultivo que supera lixeiramente as 4.000 hectáreas e máis de 180 adegas. 

As previsións nesta denominación de orixe indican, ademais, que a vendima será das mellores da historia en canto a calidade, malia que pode diminuír en cantidade arredor dun 7% respecto á pasada campaña, segundo os primeiros cálculos estimativos que manexa o seu consello regulador. 

Por volume de uva a recoller, a seguinte denominación é a do Ribeiro. Nela está previsto vendimar uns 10 millóns de quilos, fronte os 9,6 millóns da anterior campaña. A continuación estaría a DO Ribeira Sacra, cunha previsión de 6 millóns de quilos (no 2017 recolléronse 5,5 millóns). Logo viría Valdeorras, con 5 millóns de quilos (4,2 o pasado ano) e por último Monterrei, cunha previsión de 4 millóns de quilos, fronte os 2,8 recollidos na vendima anterior.